Tuesday 14 de May de 2024

A serie “Hierro” centra a 10ª Edición da Master Class “Augal”, promovida pola Xunta e a Universidade de Vigo


A Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación de Pontevedra acolle a partir de mañá catro sesións sobre distintos aspectos desta ficción de Portocabo

O director da Agadic participou hoxe na presentación dos contidos deste ano

A serie de ficción Hierro, da produtora galega Portocabo, centra a 10ª edición de AuGAL Master Class Audiovisual Galego, que comeza mañá en Pontevedra. A Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación acollerá as catro sesións previstas para o martes e o mércores desta semana e os da que vén, coa participación de diversos profesionais que forman parte do equipo técnico desta produción feita para a plataforma Movistar e recoñecida con distintos galardóns.

Araceli Gonda e Pepe Coira, responsables do guión de Hierro, abrirán mañá as sesións. O mércores será a quenda de Ana Míguez, directora de produción, e de Diego Méndez, axudante de dirección, quen falarán da loxística de producir na illa canaria de El Hierro e da rodaxe. As intervencións continúan o martes 18, con Elba Fernández e Xavi Font, que compuxeron a música da serie, e co editor Gaspar Broullón, que abordará a postprodución. A clausura, Desde o desenvolvemento á estrea, correrá a cargo do produtor executivo de Portocabo, Alfonso Blanco Fosco, o mércores 19.

A nova edición de AuGAL, que naceu en 2010 da man da Xunta e da Universidade de Vigo para achegarlle a realidade profesional ao alumnado da rama audiovisual, presentouse hoxe en Pontevedra, nun acto que contou coa participación do director da da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic), Jacobo Sutil; do vicerreitor do Campus A Xunqueira, Jorge Soto, e da decana Emma Torres, ademais do profesor Paulino Pérez, coordinador xunto con Miguel Anxo Fernández desta iniciativa didáctica, que conta este ano ademais con Pepe Coira como asesor.

Na súa intervención, Sutil referiuse á “excelente oportunidade de aprendizaxe” que vai ser a exposición do modelo de traballo de Portocabo, como un dos “referentes dentro e fóra de Galicia” e “proba destacada da solvencia que vén demostrando o audiovisual galego nos últimos anos”. O director da Agadic salientou tamén a consolidación do proxecto AuGAL “único na súa tipoloxía pedagóxica híbrida entre o eido académico e o profesional”. Así, sinalou que nas nove edicións precedentes participaron arredor dun cento de profesionais e de 1500 estudantes, moitos deles xa incorporados ao sector como talentos emerxentes.